Friday 03 de May de 2024

As nenas e nenos da Rolada axudan a criar galiñas de Mos


A asociación de criadores e criadoras da raza Galiña de Mos -AVIMOS- emprestoulle hai uns días á EIM A Rolada unha incubadora cargada de ovos coa encomenda de que os nenos e nenas axudasen a criar unha nova rolada de pitiños do país. Coa axuda das súas mestras, a cativería encárgase de atender o aparello mentres contan os días que aínda faltan para a eclosión, prevista para o día 2 ou 3 de maio. Daquela recibirán a visita de varios membros da entidade co obxectivo de ensinarlles unha galiña e un galo adultos e explicarlles de onde veñen os ovos que coidaron con tanto mimo. A actividade forma parte do programa educativo do centro que, sempre que é posible, procura que as crianzas teñan contacto directo coa natureza, ao tempo que aprenden valores coma o da responsabilidade. Ademais, neste caso, o labor da rapazada tamén axudará a reintroducir no territorio un tipo de galiña autóctona que se está recuperando gracias ao traballo de AVIMOS.

O kit de avicultura facilitado pola entidade componse dunha pequena incubadora doméstica e un total de 18 ovos chocos. Ben, 17, mellor dito, xa que no proceso de carga do aparello -feita polos propios nenos e nenas- produciuse un pequeno incidente que acabou cun dos ovos no chan.

O ovo non se perdeu de todo, senón que as mestras aproveitaron antes de recollelo para explicarlles ás crianzas as súas partes -a casca, xema, clara…- e adiantarlles que, de non escachar, de alí sairía un pitiño semellante aos que decoran as aulas da escola. E é que, segundo comenta a directora do centro, Lucía Formoso, un dos principais obxectivos da actividade é “que os nenos e nenas vexan como nace a vida”.

Tralo percance inicial, a cativería púxose mans á obra co coidado dos futuros poliños. A incubadora traballa soa, pero precisa de certa vixilancia -é fundamental que non se apague- e tamén achegas diarias de auga. O momento da recarga é un dos máis agardados, momento no que o dispositivo se ve rodeado de ollos abertos coma pratos e un certo desacougo por se nese momento os pitos empezarán a picar na casca. “A verdade é que preguntan todos os días se os pitos xa naceron. Están á expectativa, veñen e bótanlle a auga para que teñan a humidade necesaria, marcamos no calendario os días que faltan… pero todos os días veñen e miran a ver se hai algún pitiño xa fóra”, explica Formoso.

Durante este proceso que durará 21 días, os nenos e nenas aprenderán, quizais sen sabelo, o que é a responsabilidade. “A estes nenos tan pequenos é moi difícil facerlles entender o que é o coidado e esta é unha maneira de que o experimenten en directo”, comenta a directora da escola.

Porén, ademais de asumir o rol de papás e mamás dos ovos tamén axudarán a que nazan novos exemplares da raza Galiña de Mos. Trátase dun tipo de ave do país que recibe o nome da parroquia chairega de San Xiao de Mos, por ser de alí de onde, en 1935, procedía a primeira remesa de ovos criados co obxectivo de fixar a pervivencia dunha raza que, porén, case chegou a extinguirse nos anos 80 por mor da introdución de galiñas foráneas con máis capacidade de engorde.

A característica principal das galiñas e dos galos de Mos é a cor brillante da plumaxe e a súa crista, que presenta tres filas de protuberancias semellantes a chícharos. Unha galiña, en definitiva, moi diferente á que a maioría dos pequenos poden ver no galiñeiro da casa. “A verdade é que é unha raza que é diferente, eles e elas están acostumados a outros tipos de crista e esta galiña e galo de Mos teñen unhas características peculiares… e entón tamén é bo que coñezan as razas que temos aquí, en Galicia”.

A propia asociación AVIMOS -responsable do rexistro xenealóxico da raza- colabora cos centros de ensino con actividades como a que se desenvolve estes días n’A Rolada. O día 3 de maio -data en que todos os pitiños deberían estar nacidos- virán de novo á escola infantil para recoller a incubadora e para compartir cos nenos e nenas o seu coñecemento sobre a raza. Entre outras cousas explicaranlles como é o ciclo ovo-pito-galiña-ovo e tamén traerán dous exemplares, un galo e unha galiña, “para que vexan de onde viñeron eses ovos que tivemos aquí”.

E, ¿que pasará coas pitiñas e pitiños recén nacidos?. Formoso explica que as familias que queiran poderán levar cadanseu par para crialos na casa “ata que se convertan en galiñas ou galos de Mos”, de maneira que a rapazada, as mestras e as familias da EIM A Rolada tamén estarán axudando a estender a raza polos galiñeiros da nosa zona.